Tuesday 30 de April de 2024

Preséntase en FITUR ‘SantiagoNow’, a web que ofrecerá ao turista un plan completo en Compostela para un ano post-xacobeo “ilusionante”


A nova web presentouna o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte e a xerente de INCOLSA, Flavia Ramil na Feria Internacional de Turismo que acolle estes días o Ifema en Madrid. O alcalde amosouse optimista na presentación de cara a un ano post-xacobeo, despois doutro de “récords históricos”, xa que “xa temos un importante volume de reservas para o próximo ano, contamos cunha ampla variedade de conexións a través de tren e avión e xa hai unha extensa axenda de congresos fixados na nosa cidade” destacou o alcalde.

A cita por excelencia do turismo en España, o gran expositor da oferta turística nacional acolleu esta mañá a presentación do portal ‘SantiagoNow’, unha nova ferramenta con “información actualizada de visitas e tours turísticos, actividades culturais ou de ocio, e dispoñibilidade de prazas de aloxamento no mesmo día” explicou a xerente da empresa municipal de Turismo.

Este novo portal pretende dar unha resposta rápida ás preguntas máis repetidas nas oficinas de información da cidade, onde se atenden unhas 200.000 persoas ao ano: onde podemos durmir hoxe e que visitas ou tours podo facer hoxe. “Ademais creamos unha ferramenta propia na que, os organizadores de visitas guiadas e tours na cidade actualizan directamente e a tempo real a súa oferta” detallou Ramil.

E é que a páxina web santiagoturismo.com tivo o último ano máis de 800.000 usuarios, que xeraron máis de tres millóns de páxinas vistas, concentradas sobre todo na axenda cultural e de ocio da cidade. Ademais, sobre os usuarios da web, ademais dos nacionais destaca a presenza de público estadounidense, alemán e italiano.

¿Por que visitar Santiago no 2023?

“Compostela é unha cidade Patrimonio da Humanidade da UNESCO que merece ser visitada calquera ano, máis aló de si é Ano Santo ou non”. Así de rotundo se amosaba o concelleiro de Turismo á hora de iniciar a súa exposición en Fitur coa que tentou convencer de que Santiago é a mellor das opcións cando se trata de escoller o destino para o 2023. Guinarte destacou como puntos fortes a gastronomía e as experiencias familiares que pode ofrecer a ampla oferta cultural e de ocio coa que conta a capital de Galicia, porque “Santiago nunca decepciona a quen a visita”.

O alcalde amosouse convencido de que o 2023 será un gran ano para o sector grazas á ampla oferta de conexións coa que contan o aeroporto e a estación de tren, pero tamén polo auxe do turismo de congresos: “só no mes de setembro teremos o Congreso da Sociedade Española de Psicofisioloxía, o Congreso da Sociedade Española de Ortodoncia, unha reunión de traballo da Unión Europea, un cumio de ministros da UE e Latinoamérica, e unha reunión do Consello de Asuntos Económicos e Financeiros da UE”.

Todo isto logo dun 2022 que foi de récord en tódolos indicadores: “superamos o máximo histórico de pernoitas nos establecementos hoteleiros da cidade roldando por primeira vez o millón e medio, superamos o máximo histórico de compostelas entregadas e superamos os 3 millóns de pasaxeiros no aeroporto” destacou o alcalde. Ademais prevé que o número de viaxeiros en tren ronde tamén os tres millóns.

Uns datos, acompañados da recuperación do turismo de destinos emisores afastados “das 438.321 compostelas entregadas, o 45% foron para peregrinos internacionais, procedentes dun total de 185 países” explicou Sánchez Bugallo, polo que “tivemos peregrinos practicamente de todos os países do mundo”.